Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta impulsa a conciliación nos concellos do rural a través de 95 casas niño


Estes centros permiten poñer á disposición das familias dos municipios de menor tamaño 475 prazas gratis para as nenas e nenos

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe o impulso que realiza a Xunta de Galicia para facilitar a conciliación nos concellos de menor tamaño. Fíxoo durante a súa visita á Casa niño de Paderne, un dos centros de esta tipoloxía que hai en Galicia e nos que se atenden de xeito gratuíto ata cinco nenos de 0 a 3 anos.

De feito, para continuar achegando facilidades ás familias, o Goberno galego financiará este ano a creación seis novos centros que permitirán acadar por toda a Comunidade os 95 centros e as 475 prazas de atención completamente gratuítas para as familias.

Neste sentido, o director xeral lembrou que desde a súa creación no ano 2016, as casas niño lograron converterse nun importante recurso de conciliación en concellos cunha baixa poboación, onde non hai escolas infantís. Trátase dun servizo 100% gratuíto para as familias que permite seguir apostando por un rural con servizos e vivo no que exista igualdade de oportunidades con respecto ás cidades.